
Preparados para unha cita histórica
A Sociedade Deportiva Negreira encara este sábado ás 18 horas o partido de ida da rolda previa da Copa do Rey en Cabezón de la Sal fronte á Sociedade Téxtil Escudo. É unha eliminatoria con premio gordo, porque o que a supere recibirá no seu feudo a un equipo de Primeira División na Copa do Rey.
O conxunto rojillo estará arroupado en terras cántabras por un nutrido grupo de afeccionados. Xa se cubriron as prazas para un desprazamento en autobús e son moitos os seguidores que aproveitarán a fin de semana para viaxar pola súa conta e combinar o deporte co turismo. Os prezos das entradas son de dez euros as de adultos, cinco euros para idades entre 16 e 25 anos e dous euros para os menores de 16. Son os mesmos que se aplicarán na contenda de volta, prevista para o sábado 4 de outubro ás 17.30 horas no García Calvo.
Os dous equipos encaran a cita despois de protagonizar idéntico inicio de curso, con dúas vitorias e un empate. O Téxtil Escudo empezou cunha igualada a dous goles na súa visita aos Atlético Mineiros e gañou dous compromisos seguidos no seu campo, fronte ao Velarde (3-1) e o Gama (2-0). O Negreira empezou cedendo táboas en casa #ante o Lalín (1-1), venceu ao Sofán a domicilio (1-3) e impúxose en casa ao Ordes (4-2). A expensas do que poida suceder no peche da semana, Adrián Vázquez Forján ten a todo o cadro de persoal dispoñible para viaxar a Cantabria este venres.
A Sociedade Téxtil Escudo espera unha gran entrada no Juan María Parés, que dispón dunha bancada nun dos laterais con capacidade para preto dun milleiro de espectadores.