
Campións da Super Copa Galicia
A SD Negreira aumenta o seu palmarés co título da Supercopa e soña con poder avanzar na Copa do Rey na rolda previa que disputarán os campións territoriais. Se a supera, entrará no sorteo da Copa do Rey e cruzaríase cun rival de Primeira División. Segue na pelexa despois de gañar pola mínima diferenza a un Cultural Areas que lle puxo as cousas moi difíciles e que tamén acumulou méritos. Ao conxunto de Ponteareas faltoulle contundencia nas áreas.
No partido de ida, na Lomba, o resultado foi de empate sen goles pero os dous equipos gozaran de ocasións e o porteiro José acabou sendo dos máis destacados do Negreira. No García Calvo tampouco se moveu o marcador na primeira parte. E de novo ambos os contendentes tiveron chegadas e oportunidades.
O Cultural Areas avisou xa no primeiro minuto, obrigando a José a lucirse. Perdoaron os visitantes as súas opcións, e o Negreira, que foi crecendo co paso dos minutos, fixo o propio, sobre todo no tramo final do período. Tras o intermedio o conxunto rojillo deu un paso á fronte e controlou mellor o xogo de posesión do adversario.
O único gol chegou no minuto 63, tras un saque de banda mal defendido polo Cultural Areas. Ao terceiro rebote o balón caeu ao veterano Gonzalo, que fusilou cun gran lanzamento, a media altura. Sandra Alonso Os branquiazuis apertaron en busca do empate e acariñárono no engadido, pero ao final a afección do García Calvo puido celebrar o título.
Ficha técnica Negreira 1: José, Paco, Brais, Lagares,(Fabián, min 85), Peke (Manu Mayán, min 77), Alberto Freire, Xabi, Fidi (Adrián Pereira, min 45), Juan Diego (Ángelo, min 85), Hugo (Martín Pereira, min 57) e Gonzalo. Cultural Areas 0: Tielas, Buga, Nic, Marcos, Gus, Vila, Diego Dez (Aaron, min 72) (Antón, min 81), Fer Méndez, Pazos (Chemi, min 60), Cuevas (Brais, min 72) e Charly.
GOLES: 1-0, min 63: Gonzalo. ÁRBITRO: Carlos López López. Amarelas aos locais Fidi, Alberto Freire, Peke, Adrián Pereira e Brais, e ao visitante Marcos.
INCIDENCIAS: Municipal García Calvo. Gran entrada.