Primeiro punto para a SD Negreira fora da casa

Primeiro punto para a SD Negreira fora da casa

O Negreira acaodou con xustiza o seu primeiro empate a domicilio da tempada no campo da Lomba, mercé á súa excelente disposición defensiva sobre o tapete vilagarcián, e á falta de destreza dun Arousa empeñado en reforzar a súa condición de rei da igualada da Terceira, con once táboas nos seus 21 partidos.

Os primeiro 45 minutos de xogo consumíronse como mellor conviña ao Negreira, saíu o Arousa aparentando no seu fútbol a paciencia aconsellable para superar a sólida e á vez elástica trama defensiva do conxunto visitante, que demostrou un extraordinario exercicio de ocupación e achique de espazos. Os de Otero basculaban o balón ao ancho e longo do campo. Pero a paciencia acabou espida, deixando á vista a incapacidade do cadro arlequinado para fisurar o muro dun rival que esperaba máis que presionaba no medio campo. De feito, foi Quintairos quen asinou a primeira das escasas boas ocasións de gol previas ao descanso, pero quedou a un palmo de disparar á portería na entrada da área nunha gran triangulación visitante que Lloves abortou a tempo coa súa saída. Julio Rey, que xa o tentou ao cuarto de hora cun tiro frontal desviado, mandou o balón entre os tres paus no 20 nunha falta lateral coa que probou a Rodri, que tivo que despexar de puño para evitar o 1-0. Sergio Santos forzou ao porteiro do Negreira a aplicarse de novo no 27 nun remate no primeiro metro da área, que atrapou Rodri. Sidibé, cinco minutos despois, cabeceaba no corazón da área o quinto e último córner do período, todos locais, co coiro rozando o segundo pau. O Arousa asentábase no último cuarto de hora ao redor do rectángulo maior defendido polo Negreira; pero ás escuras, con centros sen unha segunda liña que os rendibilizase. E nesas chegou o 0-1. Un minuto despois dun disparo frontal ao bordo da área de Astray blocado pola zaga vilagarciá, Juan recibiu no 43 un balón en curto ao bordo da área moza, recortou ao seu par, e bateu a Lloves axustando ao pau esquerdo.Vendo que a cousa pintaba igual de mal nun arranque da segunda parte con Javi Pazos e Sidibé reclamando senllos penaltis por agarrón, Otero optou por facer reaparecer a Manu Xusto ( min 60) e a Yeray (67) tras mes e medio de parón por lesión. A súa entrada chegou sucedida no minuto 69 do penalti de Pablo cortando coa man a primeira intervención de Yeray, un centro de fondo cargado de pólvora. O lateral viu a vermella, e Javi Pazos amarrou o empate desde os once metros, dando paso a quince minutos de acoso sen derriba á portería visitante.
Sylla ( min 75 e 76), Xusto e Yeray na mesma acción ( min 79) e de novo Sylla ( min 81) tiveron o gol da vitoria. Pero de súpeto, sen explicación, o Arousa enredouse en si mesmo. Ata o punto de ver a Lloves evitar a derrota mandando ao único córner do Negreira no partido un mísil de Astray nunha contra no 86. Javi Pazos contestou no 90 cun preciso croque á altura do punto de penalti a centro de Fran Matogueiras, pero Rodri non deixou escapar o traballado punto do seu equipo.

Ficha técnica:

Arousa (1): Lloves, Fran Matogueiras, Anxo, Vitra, Rivas (Óscar, min 84), Sidibé, Sergio Santos (Manu Xusto, min 60), Carlos Torrado ( Yeray, min 67), Xullo Rey, Sylla e Javi Pazos

Negreira (1): Rodri, Juan Diego, Pablo, Cea, Rubén, Miguel, Pacho (Alberto, min 91), Astray, Quintairos (Cristian, min 70), Juan e Álex (Fernando, min 93)

Goles: 0-1, min 43: Juan. 1-1, min 69: Javi Pazos (de penalti).

Árbitro: David Igrexas (Vigo). Expulsou con vermella directa ao lateral do Negreira Pablo ( min 68). Amoestou con amarela aos xogadores locais Sidibé e Rivas; e aos visitantes Rodri e Juan.


Síguenos en twitter