BN11C8F3_212010

O Negreira segue na loita pola permanencia

Importante victoria do Negreira no Campo do CF Noia esta fin de semana.

Non lle saíu mal a xogada aos nicrarienses, que debuxaron un partido de trincheira, táctico, que decidiu Quintairos na segunda metade. O seu gol, tras un zapatazo cargado de violencia, foi suficiente para sumar tres puntos e deixar ao Noia, que tivo unha decena de ocasións para empatar, con cara de circunstancias. O balón quedou coas ganas de bicar a rede defendida por Rodri.   Que o choque non ía ser unha oda ao fútbol de salón podíase prever antes de que o colexiado pitase o inicio. Nin Negreira nin Noia estaban dispostos a regalar absolutamente nada ao seu rival, coñecedores da súa situación na táboa. Foi así como ambos optaron por obviar a saída de balón en curto. Adán, por parte dos nicrarienses, e Stefan, polos locais, convertéronse no obxectivo de todos os balóns aéreos. Quintairos demostrou que ía ser determinante en cada balón que recibía. Hábil de costas, e de gatillo fácil, foi un pesadelo para a zaga local. Con máis guerra que fútbol durante a primeira metade, foi o Noia o que tivo as ocasións máis claras para adiantarse no electrónico. A primeira, no minuto 23, cando Tachi cabeceou un bo centro de Hugo. A defensa, in extremis, despexou como puido. Pancho respondeu para os visitantes no 28, aínda que o seu disparo saíu demasiado centrado. Antes de tomar o camiño dos vestiarios, Stefan rozou o 1-0, aínda que, de novo, a zaga achicou o balón cando ía directo á rede.

 

Sen demasiada brillantez nos primeiros 45 minutos, o Noia deu un paso á fronte unha vez que volveu ao céspede. Nando foi o primeiro en probar sorte cunha falta desde a frontal de área. Tachi, de novo a balón parado, estivo preto de engatillar a gol. O seu remate foi o prólogo da xogada máis catastrófica do choque. O Negreira saíu con velocidade e Pancho, que estivo moi fino entre liñas, filtrou un bo balón a Quintarios. O punta, que se viu libre de marca, amansou o balón cun bo control. Pajarillo, que saíu á desesperada para tentar taparlle oco, viu como o zapatazo do punta coábaselle entre as pernas e entraba a gol.
O tanto caeu como un xerro de auga fría sobre a bancada de San Lázaro, aínda que non foi suficiente para que o Noia arroxase a toalla. O bloque de Pose, quen se desgañitou na banda durante todo o partido, botouse arriba, sabedor de que a única opción que quedaba era a de morrer cos pés por diante.O arreón foi instantáneo. Hugo tivo o empate tras un bo centro de Dani Conde, aínda que foi Stefan, a pase do primeiro, quen, en boca de gol, conectou un cabezazo que se marchou por encima do traveseiro. A bancada, entregada, non comprendía o que estaba a pasar. Todo puido empeorar no 65, cando Quintairos recibiu dentro da área, fintó aos defensores e golpeou colocado. O seu disparo, por fortuna para os locais, marchouse desviado. A partir de aí terminouse o fútbol ofensivo dun Negreira que o fiaba todo ao solitario gol do seu nove. O Noia desposuíuse das cadeas e lanzouse ao ataque. Bendaña tentouno a balón parado, aínda que foi Rubén, cun centro que se envenenó, o que volveu xogar co corazón da bancada. O balón, que superou a Rodri, foi despexado polo meta coa xema dos dedos.Sen marxe, Pose retirou a un defensa e meteu a Piñeiro no campo. Os centros ao corazón de área eran repelidos, unha e outra vez, pola muralla nicrariense. Cando todo apuntaba á derrota, Stefan baixou un bo balón, que deixou para Nando. O rianxeiro, co porteiro no chan, disparou duro, tanto que o balón se marchou por metros.

FICHA PARTIDO:

CF. NOIA: Pajarillo, Rubén (Piñeiro, minuto 72), Dani Conde, Rendo, Tachi, Bendaña ( Canabal, minuto 81), Hugo, Jon, Ferre (Abelenda, minuto 56), Nando e Stefan

SD NEGREIRA: Rodri, Juan Diego, Pablo, Cea, Rubén, Cristian (Fernando, minuto 92), Astray, Pancho ( Sergio, minuto 90), Quintairos (Álex, minuto 81), Juan e Adán

 

Goles: 0-1, min 57: Quintairos.

Trío arbitral: Miguel Ferrol Muñiz, Sergio Miguéns Santiago e Julián Buján Vidal. Sacaron catro cartóns amarelos por equipo. Expulsaron ao segundo adestrador do Negreira, Cabrejo, na recta final do duelo.

Incidencias: Partido da xornada 23 do grupo primeiro de Terceira División. Campo de San Lázaro (Herba natural). Gran presenza nas bancadas de afeccionados de ambos os equipos, máis de 500 persoas.